Sunday 12 de May de 2024

Feijóo renova o compromiso coa cidade da Coruña e salienta o obxectivo de impulsar o novo Hospital Público e o novo centro de saúde na zona de Juan Flórez antes de que remate a lexislatura


Agradece o compromiso do Concello en materia de solo e accesos e nas acometidas necesarias en calquera dos plantexamentos que se están a estudar para o novo Hospital Público
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, renovou hoxe na xuntanza coa alcaldesa da Coruña o compromiso do Goberno galego coa cidade e salientou o obxectivo de impulsar o novo Hospital Público e o novo centro de saúde na zona de Juan Flórez antes de que remate a lexislatura. Neste sentido, agradeceu a dispoñibilidade do Concello de colaborar no desenvolvemento destes dous proxectos, tendo en conta que a cooperación é fundamental para poder levalos a cabo con celeridade.

O titular do Goberno galego salientou no encontro o compromiso en traballar por un novo Hospital Público, totalmente renovado nas instalacións actuais e cunha ampliación mínima do 50% da superficie, ben en terreos limítrofes ou ben nun novo emprazamento. Neste momento, o proxecto atópase en fase de estudo para avaliar a mellor fórmula e está aberto ás achegas do Goberno local. De feito, o desexo da Xunta –dixo- é facelo de xeito consensuado e coa mellor fórmula que sexa posible. Sobre isto, congratulou o compromiso do Concello en materia de solo e accesos e nas acometidas necesarias en calquera dos plantexamentos que se están a estudar.

No relativo ao novo centro de saúde na zona de Juan Flórez, Feijóo puxo en valor a decisión do Concello de ceder o mercado de Santa Lucía para poder acometer este proxecto, a ubicación que a Xunta consideraba idónea.

Así mesmo, comentou as obras que se están a executar nas urxencias do Materno-Infantil, que xa se atopan na súa fase final grazas a un investimento de 1,3 M€, coa previsión de que estean rematada a finais deste ano.

Ademais, na actualidade estase a elaborar o proxecto da 3ª fase de mellora do Hospital Público (10 M€), que incluirá melloras tan importantes como a reforma do hospital de día e a reasignación de espazos que quedaron baleiros coa 2ª fase para concretar novas prazas de hospitalización e de UCI. A previsión é iniciar estas melloras o próximo ano.

Neste eido sanitario, Feijóo recordou o importante avance dos últimos anos na cidade, coas novas urxencias, que multiplicaron por cinco a superficie anterior; o novo bloque cirúrxico, con 15 novos quirófanos; o novo servicio de radiodiagnóstico; a nova central de esterilización; ou o novo centro de saúde en Novo Mesoiro, actuacións que sumaron máis de 50 M€ de investimento.

En canto ao ámbito educativo, o presidente da Xunta detallou que o novo colexio de Novo Mesoiro, ao que se destinan 4,5 M€, está en obras desde febreiro e está avanzando a bo ritmo para cumprir o calendario previsto. Esta instalación terá capacidade para 450 alumnos e agárdase que estea disposición para o curso escolar 2020-21. Ademais, estase acometendo desde hai días a reforma integral do IES Eusebio da Guarda (1,31 M€), así como a nova instalación eléctrica no Colexio de Formación Profesional Someso (260.000 M€).

Estes proxectos veñen a continuar o inxente traballo da última década, con obras de calado tan importantes como o novo aulario do CEIP Emilia Pardo Bazán, a ampliación do CEIP Zalaeta ou a rehabilitación integral do CEIP Ramón de la Sagra. En total, as actuación desde 2009 sumaron case 10 M€ de investimento.

Feijóo tamén salientou a vontade de seguir incrementando o acceso dos coruñeses ao servizos públicos. Con esa fin, a Xunta está a traballar para impulsar unha nova residencia de maiores na cidade nesta lexislatura, para así dar praza a 150 maiores. A intención é poder licitala antes de que remate este ano.

O Goberno galego, tal e como subliñou, traballou nos últimos anos para poñer a disposición dos coruñeses unha oferta pública máis ampla de servizos sociais para as familias, con tres novas escolas infantís (Monte Alto, Eirís e Sardiñeira), dous novos centros de día (Monte Alto e Eirís), un 83% máis de prazas para maiores e case un 15% máis de prazas para persoas con discapacidade.

Así mesmo, na cidade están en marcha varios proxectos en materia de vivenda. Un dos máis importantes, a construción de vivendas de promoción pública no Parque Ofimático, cun orzamento de case 5,5 M€ para 40 inmobles. Así mesmo, grazas á Lei de Rehabilitación, está previsto desenvolver un novo Programa Rexurbe que comezará na zona da Pescadería –a iniciativa consiste en intervencións adquirindo e rehabilitando edificacións completas para conseguir a súa recuperación-.

Tamén neste apartado, o presidente da Xunta agradeceulle á alcaldesa a súa decisión de que o Concello se incorpore ao Programa de Vivendas Baleiras, en aras de prestar un mellor servizo aos cidadáns que teñan máis dificultades para acceder a un inmoble.

A situación de Alcoa
Durante a xuntanza, Alberto Núñez Feijóo e Inés Rey dedicaron tamén tempo aos asuntos económicos, entre os que a situación de Alcoa ocupou un lugar destacado. Manifestou a postura que vén mantendo a Xunta de que a oferta que hai sobre a mesa é viable porque outorga unha solución a Alcoa e aos traballadores, así como de que, sobre o futuro, hai que ir máis aló do 2021 e garantir estabilidade para a planta.

O posicionamento do Goberno galego é pedir por activa e por pasiva ao Goberno central que non deixe pasar o tempo, e que se actúe desde xa para garantir un marco normativo que faga máis seguro e competitivo o territorio español para este tipo de industrias, tendo en conta que isto é preciso para Alcoa porque é a única condición que Parter pon sobre a mesa para garantir a totalidade dos empregos máis aló dos dous primeiros anos, pero tamén porque é fundamental para que o resto das empresas electrointensivas dispoñan do prezo eléctrico que precisan para ser competitivas.

Implantación dun Polo industrial do sector TIC
Ademais deste tema, o titular do Goberno galego tamén trasladou o seu compromiso coa implantación na cidade dun Polo industrial do sector TIC, para dar resposta ás demandas da industria, activar proxectos innovadores e atraer investimento. Un proxecto que tamén apoian o Concello e o Goberno de España, e no que a Xunta vai colaborar para así definir unha actuación xunto co Cluster e os centros de coñecemento, así como posteriormente acompañalos no desenvolvemento das infraestruturas que se precisen para as diferentes iniciativas.

Ao igual que ao resto dos alcaldes, Feijóo recordoulle á rexedora que tamén A Coruña, como o conxunto de Galicia, está chamada a celebrar e organizar o próximo Xacobeo 2021. Así, baseándose na descentralización desta cita para que beneficie a toda a Comunidade, avanzou a intención da Xunta de que a cidade se beneficie de eventos vinculados ao Ano Santo. Baseándose nisto, expresou a intención do Goberno galego de estudar a construción dun novo albergue na Coruña.

Por outra parte, na xuntanza abordáronse tamén asuntos relacionados coa mobilidade de toda a área. O titular do Executivo autonómico mencionou actuacións comprometidas e dependentes da Xunta que se están a acometer en tempo en forma, como é o caso da conexión da Vía Ártabra coa AP-9 –case 40 M€ de investimento-, que no treito que depende da Xunta vai iniciarse a obra neste mes de agosto, ademais de seguir reclamando ao Goberno central no relativo á conexión coa autopista que lle compete.

Dentro dos exemplos incluíu, así mesmo, o Plan de Sendas na comarca, con actuacións en case 7 quilómetros –unha das máis importantes, a pasarela entre A Grela e Marineda, estará en servizo en setembro-outubro, xa que as obras están moi avanzadas-. E citou a mellora dos accesos ao polígono de Sabón –case 6 M€ de investimento-, coa ampliación da avenida da Deputación xa redactada e o terceiro carril en dirección Fisterra tamén en execución, coa previsión de que se finalice a obra entre finais deste ano e principios do seguinte.

A futura estación intermodal
Neste eido, Feijóo tamén tratou dous asuntos transversais a varias administracións. Un deles, o que máis lle preocupa, é a futura estación intermodal. Despois de lamentar o retraso acumulado na pasada lexislatura, resaltou o entendemento para manter o último acordo alcanzando co Concello anterior, coa fin de que non se sigan comprometendo os prazos do proxecto.

O presidente da Xunta concretou que a idea é pechar o proxecto básico nos próximos meses para, a partir de aí, tramitar o proxecto, ben a través da Lei 3 ou ben cunha modificación puntual do PXOM, que en opinión da Xunta sería a opción máis rápida.

Así mesmo, en materia de mobilidade tamén se constatou que o transporte metropolitano que funciona desde 2011 segue a ser un éxito –o ano pasado o Goberno galego bonificou 6,4 millóns de billetes e garantiu o transporte gratuíto a case 10.000 mozos menores de 19 anos-, así como de que a súa penetración na cidade foi ben recibida entre os veciños e está funcionando de maneira moi positiva –cun incremento de viaxeiros do 10%-.

Unidade en torno ao Corredor Atlántico
Na reunión celebrada esta mañá na Delegación Territorial da Xunta da Coruña tamén tivo un lugar protagonista o Corredor Atlántico. O titular do Goberno galego incidiu en manter a unidade e traballar para que o Corredor se traduza en investimentos para os portos e as plataformas loxísticas

“A incorporación de Galicia e do Noroeste peninsular abre a posibilidade de dispor de financiamento europeo para obras como a conexión ferroviaria de Langosteira. E, por iso, o obxectivo agora debe ser que o Ministerio de Fomento presente este proxecto á convocatoria de fondos da UE, algo compatible coa mellora da liña A Coruña-Monforte”, subliñou, e recordou que o compromiso adquirido polo Goberno central en 2018 era licitar as obras da conexión ferroviaria ao Porto exterior no primeiro semestre deste ano.

Respecto a este último punto, Feijóo tamén apuntou a necesidade de buscar unha solución no relativo aos terreos do Porto interior. Neste sentido, cualificou este proxecto de “oportunidade histórica” para a cidade e propúxolle á alcaldesa traballar conxuntamente para definir unha iniciativa intelixente e factible. En concreto, acordaron avaliar esta iniciativa con detalle nunha próxima reunión monotemática.

O saneamento da ría do Burgo
En canto ao saneamento da ría de Burgo, o titular do Goberno galego recordou que a Xunta xa acometeu todas as actuacións de responsabilidade autonómica, tras un investimento de máis de 100 M€. Neste momento só queda acometer a dragaxe da ría, unha actuación que debe levar a cabo o Goberno central. Por isto, Feijóo plantexoulle á rexedora defender unha postura conxunta para lograr que se axilice esta obra fundamental e completar así todo o saneamento.

Así mesmo, dentro deste ámbito, citou que están pendentes de completarse as actuacións para reforzar o abastecemento desde o lago de Meirama. A Xunta acometeu a primeira fase en prazo e agora a que está pendente é a segunda fase, que debe executar a concesionaria municipal con cargo ao que recada dos impostos dos coruñeses.

Mentres, no relativo a situación dos residuos, o presidente da Xunta e a rexedora coincidiron na urxencia de ser sensibles ao problema dos residuos acumulados en Nostián. Máis polo miúdo, acordaron unha rebaixa na tarifa de residuos xa pretratados nesta planta que se deriven a Sogama para ser tratados alí, coa intención de non prolongar un problema prexudicial para o medio ambiente e as persoas.

Por último, Feijóo informou sobre a reforma do edificio Gregorio Hernández, cun investimento de 6,5 M€. As obras atópanse en proceso de adxudicación, coa intención de que comecen antes de que remate o ano. Esta actuación reformará a antiga sede da Consellería de Sanidade para poñer a disposición dos coruñeses unha área para menores e persoas en exclusión, outra para formación e outra para instalar a base do 061.

Por último, trasladou a Inés Rey a intención da Xunta de desenvolver un Ecobarrio na zona de Elviña, que segundo as estimacións da Xunta podería traducirse nun aforro enerxético de entre o 15 e 20%. Así, explicou que o Goberno galego está a elaborar un proxecto técnico que cando estea rematado se lle trasladará ao Concello, pois para que a iniciativa poida ser levada a cabo se precisa da total colaboración do Goberno local. Así, converteríase no segundo Ecobarrio de Galicia tras o que xa está a ser impulsando na cidade de Ourense.